CRTVG

Buscar

Castela e León confina Burgos e Aranda de Duero

Publicado o 19/10/2020 14:49

Os 175.000 veciños da cidade de Burgos estarán confinados perimetralmente desde este mércores, 21 de outubro, segundo anunciou este luns o seu alcalde tras manter unha reunión telemática co presidente da Junta de Castela e León e a titular de Sanidade.

A decisión da Junta é manter o confinamento perimetral durante 14 días e restrinxir ao 50 por cento a ocupación de comercios e locais de hostalería, igual que rexe xa nas capitais de León, Palencia e Salamanca e noutros catro municipios da comunidade.

Tamén os 32.000 veciños de Aranda de Duero estarán confinados de novo desde mañá, tras pasar un primeiro confinamento hai dous meses que quedou levantado o 21 de agosto.

Unha orde da Consellería de Sanidade, publicada este luns no boletín oficial de Castela e León, recolle este novo confinamento ante a situación epidemiolóxica da localidade "que evidencia a necesidade de adoptar medidas de prevención que afectan á mobilidade e circulación das persoas, así como ao desenvolvemento de diversas actividades que, polas súas características, poidan favorecer a propagación do virus".

Máis confinamentos noutras comuinidades

Navarra comunicou 467 novos contaxios nas últimas 24 horas e case 3.400 Cataluña, onde o risco de repunta sobe ata os 438 puntos, 31 máis que a xornada anterior.

O coronavirus continúa expandíndose por toda España a pesar das medidas adoptadas para combatelo.

A día de hoxe máis de 15 millóns de persoas, o 32 por cento da poboación total, sofren algún tipo de restrición á mobilidade.

Os confinamentos perimetrais decretados agora na cidade de Burgos e en Aranda de Duero aplícanse noutras 55 poboacións.

Outro centenar retrocedeu de fase e case 900 adoptaron outro tipo de medidas restitivas.

O últimos datos sobre a evolución da pandemia non son positivos.

Cataluña detectou case 3.900 novos contaxiados e suma 17 falecidos máis. Subiu tamén o número de ingresos hospitalarios por covid-19 e o risco de repunta escalou ata os 438 puntos. A Generalitat interveu a residencia de maiores de Falset, en Tarragona, por un gromo que afecta 109 residentes e 22 traballadores.

Navarra informou de 467 novos casos nas últimas 24 horas, medio cento máis que na xornada anterior; Euskadi sumou 657 novos positivos, 86 menos que o sábado, e Andalucia rexistrou case 1.700 novos infectados por coronavirus.