CRTVG

Buscar

Case a metade dos positivos en Galicia pertencen á área da Coruña

Publicado o 08/08/2020 21:15

A área sanitaria da Coruña-Cee está no centro da observación evolutiva en Galicia pola acumulación de casos. Presenta, nestes momentos, 246 positivos activos, 21 máis ca onte, e esa cifra constitúe preto da metade dos casos de toda Galicia. O número de afectados retrotráenos practicamente ao mes de maio, cando se estaban aliviando as medidas de confinamento

A gran diferenza estriba en que a porcentaxe de hospitalizados é moi baixa. Deses 246 contaxiados, só 12 están ingresados no CHUAC, un deles na UCi e 11 en planta. Pero hai conciencia de que é necesario incrementar a alerta ante esta realidade crítica.

Este incremento dos positivos tamén incorpora hoxe o primeiro caso en Galicia desde xuño de contaxio dun ancián nunha residencia para a terceira idade. Trátase dun usuario da Domusvi de Matogrande, onde se realizaron este sábado numerosos test para evitar a pogresión vírica.

En toda a área coruñesa fixéronse onte 512 probas PCR e iso achéganos unha nota positiva. Segue estabilizado en 58 casos o gromo do ximnasio de Meicende, en Arteixo, que é o de maior alcance da provincia. Tras un intenso labor de rastrexo hoxe é o primeiro día en que se detén, por fin, a cifra de positivos.

Outro gromo máis recente que preocupaba, o que afecta á compañía Produtos Cárnicos Domínguez de Vimianzo, tamén se mantén estable en sete casos. O contaxio non se iniciou nesta empresa, senón nunha cea á que asistiu algún empregado que estivo en contacto cun positivo procedente de Santa Comba.
 

Noticias web

08/08/2020