CRTVG

Buscar

Casan dende a fiestra da súa casa da Coruña

Publicado o 17/03/2020 21:42

Nestes tempos atípicos que estamos a vivir, prodúcense situacións tamén excepcionais. Como a dunha parella que ía casar en Monforte o sábado, que tivo que cancelar o convite. Con todo, mantiveron a cerimonia. Casaron pola ventá da súa casa na Coruña, cos seus veciños como testemuñas. 

Alba e Dani levaban 9 meses preparando a súa voda. Ían casar o sábado en Monforte, a terra dela, con 190 convidados. A cerimonia íase celebrar na praza de abastos e o convite nun lugar sorpresa, en que non faltaba detalle. Sobre todo porque ese é o seu traballo. Alba dirixe Frida Kiwi, unha empresa de organización de eventos, especialmente vodas. Pero na súa interpúxose o coronavirus e un decreto de estado de alarma. Así que tiveron que aprazar todo.

Pero non quedaron sen cerimonia. A grandes males, grandes remedios. Animados polos seus convidados, a través das redes sociais, decidiron casar na fiestra da súa casa da Coruña e cos veciños como testemuñas.

Optimista por natureza, Alba pensa xa en fixar unha nova data para a súa voda en canto pase todo isto, e en poder seguir, tamén, co seu traballo.

Noticias web

17/03/2020