CRTVG

Buscar

Carme Varela álzase co XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais con 'As desterradas'

Publicado o 17/11/2020 12:22

• Losada-Galiñáns e Esther F. Carrodeguas conseguen o Barriga Verde de marionetas

Carme Varela álzase co XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais con 'As desterradas'

A escritora Carme Varela obtivo, coa súa obra 'As desterradas', o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais nesta vixésimo quinta edición deste galardón.

O xurado outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de marionetas nas súas modalidades para adultos e para mozos a Esther F. Carrodeguas por 'República Sideral' e a Carlos Losada-Galiñáns por 'Pois eu!', respectivamente.

O XI Premio Manuel María de literatura dramática infantil foi declarado deserto, segundo informou a Xunta nun comunicado.

O xurado, presidido por Fefa Noia, recoñece o "traballo requintado de preocupación estilística, a súa boa estrutura e a interesante construción dos personaxes que, detrás dunha aparente sinxeleza, mostran unha profundidade psicolóxica que individualiza os conflitos, á vez que proporciona unha perspectiva coral dos acontecementos".

A propia autora explica que As desterradas xorde da idea de escribir un texto teatral para unha das actividades da asociación do patrimonio medieval O Sorriso de Daniel, da que Carme Varela forma parte desde a súa fundación.

Unha historia de resistencia e independencia feminina

A obra conta os últimos días do mosteiro de monxas de San Salvador de Albeos, no actual concello de Crecente, e afonda no enfrontamento entre a Coroa de Castela e os mosteiros beneditinos de Galicia desde o punto de vista das perdedoras desta batalla desigual.

Trátase, pois, da historia de resistencia deste pequeno grupo de relixiosas, que constituía unha reserva de independencia feminina fronte aos grandes poderes do seu tempo, a coroa e o papado, e que finalmente foron desposuídas das súas terras e dos seus bens.

Con esta obra, Carme Varela (Duomes de Arriba, A Baña, 1970), regresa ao mundo do teatro, ámbito co que mantivo estreitos vínculos desde finais dos oitenta, especialmente en tarefas de produción e distribución para compañías como Ollomoltranvía, Mofa e  Befa ou Sapristi, a empresa de servizos técnicos RTA e o Centro Dramático Galego, onde exerceu como xefa de produción. Durante 12 anos foi, así mesmo, secretaria técnica da Fundación Castelao e desde 2007 desenvolve a súa traxectoria profesional nunha empresa de comunicación.

Esperpento e metateatro de monicreques

Na súa modalidade para público adulto, o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques recaeu en Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979), por República Sideral, unha "farsa esperpéntica" que tamén ten unha inspiración histórica. Neste caso, a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934.

O xurado destaca o humor deste texto e a boa caracterización dos personaxes, así como a potencialidade "escénica e a súa adecuación á modalidade do premio, cunha estrutura sólida, dinámicas moi áxiles -con concreción dos obxectos empregados nun deseño dos movementos moi limpos- e réplicas sinxelas e mordaces, polo que resulta idóneo para propiciar un diálogo interxeracional sobre feitos históricos".

Pola súa banda, o autor e director teatral Carlos Losada-Galiñáns (Cambados, 1966) volve conseguir un dos premios literarios da Agadic, tras ser o gañador en 2008 do Manuel María de literatura dramática infantil por Game Over. Nesta ocasión, obtivo o Barriga Verde na modalidade para mozas co texto Pois eu!, unha proposta metateatral, da que o ditame subliña a calidade da escritura dramática.