CRTVG

Buscar

Cancelado o Mobile World Congress pola crise do coronavirus

Publicado o 13/02/2020 09:12

• Os 21 españois evacuados de Wuhan reciben hoxe a alta hospitalaria

As sucesivas cancelacións pola crise do coronavirus obrigaron a suspender finalmente o Congreso Mundial de Móbiles previsto para dentro de once días en Barcelona. Os organizadores aseguran que se celebrará o ano que vén. As autoridades insisten en que non había razóns para suspendelo, mentres os negocios da cidade calculan as perdas económicas que ocasionará a cancelación.  

Aínda se estaba montando o evento, e decídese suspendelo. O medo puido coa feira tecnolóxica máis importante do mundo. É o maior evento internacional afectado polo coronavirus ata agora.

Nestas semanas foi imparable a sucesión de desercións das empresas participantes por temor ao contaxio. Entre as últimas, a do maior operador europeo de telecomunicacións, Deutsche Telekom, ademais de Vodafone, Nokia, Orange ou British Telecom. As baixas obrigaron aos organizadores a convocar unha reunión de urxencia onte á tarde. Finalmente, tras cinco horas de xuntanza, adoptaron a drástica decisión de cancelar o Mobile World Congress. Esta mañá explicarán en conferencia de prensa os detalles desa decisión, pero xa adiantaban neste comunicado que se debe á preocupación global pola epidemia.

A suspensión sorprendeu as autoridades españolas, que insistían en que non había motivos para aprazar o congreso.

"Non hai ningunha razón que obrigue a tomar ningunha medida adicional respecto aos eventos previstos nin en Barcelona, nin en Cataluña nin en España", explicaba o ministro de Sanidade, Salvador Illa. 

Tamén na Organización Mundial da Saúde insistían en que a epidemia non debía obrigar a suspender nada.

"A maioría dos eventos poden continuar e celebrarse e a xente non debe asustarse", dicían.

Algunhas das empresas que rexeitaron acudir a Barcelona están asistindo estes días a outras feiras tecnolóxicas que se organizan en Amsterdam ou Xenebra.

"É o que non entendemos. Porque Amsterdam non está a oito mil quilómetros, está a dúas horas de voo. Tampouco nos deron ningunha explicación", dicía o presidente do Gremio de Hoteleiros de Barcelona, Jordi Mestre. 

Pero detrás da cancelación están sobre todo as cifras. O Mobile esperaba recibir este ano 110.000 visitantes de 200 países, cun impacto económico calculado de 500 millóns de euros nos negocios da cidade. Quedan suspendidas tamén 13.000 contratacións temporais e había 30.000 reservas feitas.
Con todo, o gremio da hostalería cobrará o 50% das cancelacións. Os seguros cobren desde un mes antes do arranque do Mobile a metade das tarifas.

Noticias web

13/02/2020