CRTVG

Buscar

Campo insta o PP a negociar para 'deixar en nada' a reforma da Lei do Poder Xudicial

Publicado o 14/10/2020 20:16

Juan Carlos Campo lembra que o actual Consello Xeral do Poder Xudicial leva en funcións un 40% máis dos 5 anos que tiña de mandato. E compara a súa proposta para reformar a lei que o renova cunha espoleta para animar ao PP a negociar.

O ministro de Xustiza dixo que "todo isto pode quedar en nada se o Partido Popular negocia e fai a visión constitucional que ten que facer. Porque crer na Constitución é cumprila".

O Goberno quere reducir a maioría necesaria para elixir os vogais do órgano de goberno dos xuíces. Algún dos seus integrantes compara a proposta coa que promove a ultradereita en Polonia ou Hungría.

Para José María Macías, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, "estase producindo algo impensable con esta proposta, que é que imos retroceder máis de corenta anos no noso proceso democrático".

Tres das 4 principais asociacións de xuíces levantaron a voz contra unha iniciativa que, na súa opinión, ataca a independencia xudicial.

María Jesús del Barco, voceira da Asociación Profesional da Maxistratura, cre que "é peor o remedio que a enfermidade. Todos queremos que se renove o Consello, pero non podemos chegar ao estremo de dictar leis inconstitucionais, politizar aínda máis o órgano de goberno dos xuíces e deixalo ao albur do partido de goberno do momento".

Lembran que a reforma vai en sentido contrario do que propón o Consello de Europa, que defende que sexan os propios xuíces os que elixan aos seus órganos de goberno.

Noticias web

14/10/2020