CRTVG

Buscar

Campaña de seguridade para concienciar os ciclistas do uso de chalecos retrorreflectores

Publicado o 06/07/2019 15:13

Coa chegada do verán son centos os usuarios que nestes días aproveitan o bo tempo para coller a súa bicicleta e botarse á estrada. Pero moitas veces a convivencia cos automobilistas é complicada, e no peor dos casos, o ciclista é sempre o elemento máis débil. Os propios ciclistas recoñéceno: "Que nós respectemos o tráfico, e os coches nos respecten a nós. Manter ese metro e medio de separación con nós, e nós cando imos en grupeta, non pasar de dous", afirma Juan Rodríguez, asiduo da bicicleta.

Para procurar unha convivencia sen problemas nas estradas, axentes da Garda Civil de Tráfico en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo están a desenvolver unha campaña de entrega de chalecos reflectores, doados pola Xunta, que desta vez se desenvolveu nas proximidades da praia da Lanzada, no concello pontevedrés do Grove.

Segundo Óscar Álvarez, sarxento primeiro do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, "canto máis visibles nos fagamos, máis seremos vistos polo condutor dun vehículo a motor. Un ciclista que non se ve, que vai de cores escuras, é un ciclista cun risco moi alto de ser atropelado".

Trátase de concienciar os ciclistas de que resulta fundamental facerse ver pola súa propia seguridade e tamén pola do resto de usuarios da vía. Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, tamén fala da necesidade de respecto mutuo: "Ás veces tamén vén sendo o descoñecemento das normas, o respecto á distancia de seguridade dos condutores que teñen que adiantar un ciclista. Ese respecto, ese metro e medio que moitos condutores non saben que para respetaclo poden invadir o sentido contrario ou unha liña continua cando as condicións da estrada así o permitan. Ese descoñecemento da norma e de que os ciclistas son un vehículo máis, que tamén teñen que respectar. Sobre todo, o que dicimos sempre: para esixir respecto temos que respectar entre todos os colectivos e todos os usuarios".

Só no que vai de ano nas estradas da xeografía nacional perderon a vida 14 ciclistas, segundo datos da Garda Civil de Tráfico. Con estas campañas que se están facer en rutas protexidas de Galicia procúrase protexer un dos colectivos máis vulnerables nas vías, e conciencialo de que un sinxelo chaleco reflector pode ser dabondo para evitar un susto.

Noticias web

06/07/2019