CRTVG

Buscar

Cambian de salón o féretro de Maradona por incidentes na Casa Rosada

Publicado o 26/11/2020 22:01

Os incidentes nos arredores da Casa Rosada obrigan a trasladar o féretro de Maradona a outro salón. Milleiros de persoas acudiron ao velorio e gardaron fila para se despediren do icónico número 10. Pero unhas decenas protagonizaron a cara negativa. Trataron de gabear polo valado e de forzar a entrada á capela ardente. Vimos momentos de moita tensión entre algúns seareiros e mais a policía. Finalmente, tomouse a decisión de parar o velorio e trasladar o féretro de Maradona a outro salón diferente.

Con honores de xefe de Estado. Así despide A Arxentina o seu ídolo máis grande. Ducias de milleiros de persoas amoréanse diante da Casa Rosada para entrar á capela ardente de Diego Armando Maradona. Moitas estiveron na ringleira durante toda a noite. E a policía apenas é capaz de controlar que a entrada sexa ordenada. No interior sucédense as escenas de dor inmensa. Seareiros con fotografías, con camisetas, incapaces de reprimir os berros, as bágoas e os aplausos.

Dende as 6 da mañá hora local, miles de arxentinos acudiron á Casa Rosada, para despedirse de Diego Armando Maradona no seu velorio. Aínda que o ambiente xeral foi bastante tranquilo, sucedéronse tamén os incidentes coa Policía, en medio dun clima de moitísima pasión e tristeza.

Chegou o día máis triste para millóns de arxentinos: a despedida final de toda unha lenda do fútbol, unha cita en que estiveron as principais autoridades do país.

A familia quere realizar canto antes o enterro de Maradona, que descansará ao carón dos seus pais.

Noticias web

26/11/2020