Cal é o segredo da zona de Galicia onde máis aumentou o número de galegofalantes?
Segundo as últimas estatísticas sobre o uso do galego, a zona do Barbanza-Noia foi a que rexistrou un maior incremento entre 2008 e 2018.
A porcentaxe de xente que falaba sempre en galego ou máis galego que castelán era do 78,42% no 2008. Dez anos despois, a cifra subiu ata o 88,85%.
Un dos factores que inflúen positivamente no uso do galego é que na zona do Barbanza existen diversos servizos de normalización lingüística, á marxe do que se fai dende as escolas. Ademais, a técnica de normalización lingüística do Concello de Ribeira, Alicia Padín, apunta outro piar importante: o feito de que nesa zona "hai un continuo contacto co galego: nas familias, no mundo dos negocios, no mar...".
Ana Peleteiro quixo darnos a súa opinión como ribeirense e dende a súa perspectiva coméntanos que "antes o galego non se falaba por vergonza e agora séntese máis empatía e deféndese máis".
A atleta de Ribeira @apeleteirob explícanos por que cre ela que creceu o uso do galego na súa zona. Se queres ver a reportaxe completa, preme aquí https://t.co/Xyp98b8Bvr pic.twitter.com/CC4oZu2d32
— G24 (@G24Noticias) October 20, 2019
'21 días co galego'
Pero hai un lugar da zona do Barbanza que sae da norma: A Pobra do Caramiñal. Alí as porcentaxes de galegofalantes son moito máis baixas. Ante isto, Pilar Ponte (@aprofa), profesora do IES da Pobra do Caramiñal, decidiu buscar unha solución.
No ano 2013 ideou '21 días co galego', unha campaña de dinamización lingüística que ten obxectivos a curto e a longo prazo. A curto prazo, Pilar Ponte explica que se busca "sacar o galego da escola e aumentar as situacións de falalo durante todo o día". E en canto ao longo prazo di que o obxectivo é "a concienciación, asumir que vivir en galego é posible".
A Secretaría Xeral de Política Lingüística asumiu o proxecto o ano pasado e '21 días co galego' comezouse a desenvolver en máis centros educativos.
Cando fomos ata a zona de Noia-Barbanza para sabermos por que subiu tanto a proporción de galegofalantes, pasamos pola Pobra para falarmos con @aprofa . Ela impulsou o proxecto '21 días co galego', que se estendeu xa a 10 centros de Galicia neste curso https://t.co/NYywB3UV4p pic.twitter.com/Xcly5u67Hj
— G24 (@G24Noticias) October 20, 2019
Galego desigual segundo as zonas
O caso da zona do Barbanza-Noia é a mellor evolución do uso do galego en toda Galicia. No outro extremo están as áreas próximas ás cidades, onde o noso idioma segue en minoría. Velaquí como evolucionou a porcentaxe de galegofalantes no global do país e por cada unha das zonas que define e enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística.