CRTVG

Buscar

Cae un 90 por cento a comercialización de carne de cordeiro

Publicado o 06/04/2020 20:41

Esta granxa de Matodoso, en Castro de Rei, ten máis dun cento de ovellas. É unha das preto de mil explotacións de ovino que hai en Galicia, que actualmente están a atravesar un momento delicado debido ao confinamento. O peche de hoteis e restaurantes fixo que se reducise nun 90 por cento a comercialización de carne de cordeiro.

Javier Blanco, criador de ovino: "Tiñamos os cordeiros xa listos para saír, posto que se sacrifican con 40 ou 60 días, pero, dada a situación en que estamos, non sabemos o tempo que os imos ter. Os cordeiros seguen medrando, e cando teñan saída dirán que xa son demasiado grandes."


Ao pasar dos 60 días, a carne de cordeiro devalúase. Ademais, tampouco poden empreñar as femias mentres non se sacrifiquen os años, que á súa vez hai que manter con pensos. Todo isto supón importantes perdas para os criadores de ovino.

Javier Blanco, criador de ovino: "Os pesos que maior venda teñen son de seis a oito quilos canal. Unha vez pasan deses pesos, o prezo xa baixa e o cordeiro tamén gasta máis."


Para lle dar saída ao cordeiro, e ao mesmo tempo visibilizar esta problemática, dende a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica, anunciaron que realizarán doazóns de carne aos centros sanitarios.

Noticias web

06/04/2020