CRTVG

Buscar

Cada vez hai máis máscaras personalizadas, con estampados ou mensaxes

Publicado o 17/09/2020 21:13

Saímos á rúa e vemos unha gran variedade de máscaras. Predominan as clásicas, pero pouco a pouco gañan terreo as estampadas e personalizadas. Abunda o colorido e mesmo as máscaras temáticas segundo as profesións.

"Eu teño máis de 60 estampados diferentes e agora as lisas píntanas e póñenlle algún bordado ou algunha puntilla", explica a costureira Isabel Lamas.
"Da casa de papel, que é unha serie que ten moito éxito. Máscaras de marcas deportivas e os nenos de dinosaurios e unicornios", conta Pedro Ponce, que vende máscaras no seu establecemento.

Preocupámonos pola seguridade, pola estética e tamén pola mensaxe que transmitimos e en Galicia abunda a retranca.

"A que máis éxito ten é a de malo será. Tamén está a de pon que corra o aire que é divertida ou a que pon estou ata o carallo da máscara", di José Luis Figueira, que vende máscaras con mensaxe.

Atopamos máscaras en galego, tampouco faltan as das empresas ou as asociacións, tamén as levan personalizadas as forzas de seguridade e hai moitas máscaras cargadas de reivindicacións. Cada quen loce a súa por moi diferentes motivos.

"Teño do Lugo, do Barcelona , da casa de papel... xa que hai que levalas polo menos que sexan bonitas", "porque fun aos chinos e foi a primeira que vin", "as de tea tamén as recomendan e esas podes personalizalas co que máis che guste", "así con retranca porqué non, algunhas son un pouco fuertes pero bueno, están ben", sinalan os veciños.

Máis aló da orixinalidade, levar sempre a máscara e usala de forma axeitada é a mellor mensaxe que podemos transmitir con ela.
 

Noticias web

17/09/2020