CRTVG

Buscar

Caballero rodéase de xente da súa confianza nas listas electorais

Publicado o 28/02/2020 16:11

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, incluíu nas listas persoas do seu círculo máis próximo. Persoas da súa confianza que xa o apoiaran dende a plataforma En Positivo no seu camiño á Secretaría Xeral do Partido.

Na Coruña non sorprendeu o nomeamento do número un. Pablo Arangüena chega dende Madrid para encabezar unha lista na que o acompañan outros dous afíns á dirección galega: Noa Díaz e Martín Seco. Noa Díaz competiu con Lupe Rodríguez, que foi avalada polo 75% dos militantes, pero, a pesar disto, Caballero situou como número dous a Díaz.

Aconteceu o mesmo en Ourense, onde a deputada autonómica Noela Blanco, que encabezara a candidatura nas anteriores eleccións, quedou fóra a pesar de ser a máis votada na asemblea local.

Ela mesma dixo nun comunicado que acata a decisión e que entende que non debe participar na campaña.

Igual que na Coruña, para conformar a candidatura Caballero tamén mirou a Madrid. A deputada Marina Ortega é a número un e o senador Juan Carlos Francisco Rivera o dous.

En Lugo, a cabeza de lista é Patricia Otero. Cae dos postos de saída Juan Díaz Valiño, secretario de organización provincial e afín a Gómez Besterio. A dirección do PSdeG tamén modificou a proposta remitida pola executiva provincial para incluír a Manuel Marey e José Luis Vázquez Hermida.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recoñecía nas últimas horas que as listas non poden contentar a todos.

En Pontevedra encabeza a candidatura o propio Gonzalo Caballero. É rechamante a ausencia de Patricia Vilán, que se postulara como candidata e non repite despois de oito anos no Parlamento. Ademais, desaparece da lista a tamén deputada no Hórreo María Pierres, que foi a máis votada pola asemblea local.

Caballero tamén modifica a poposta da executiva provincial pontevedresa para incluír en postos de saída a xornalista Noela Otero, que estivo ao seu carón dende o laboratorio de ideas do PSdeG.

Noticias web

28/02/2020