CRTVG

Buscar

Caballero promete facer da sanidade pública a "bandeira" dun goberno "progresista"

Publicado o 01/02/2020 14:20

O secretario xeral do PSdeG participaba este sábado en Compostela nunha xornada do laboratorio de ideas do seu partido sobre os retos da sanidade pública galega... Á entrada, Gonzalo Caballero non respondía ás preguntas dos xornalistas sobre as disensións no seu partido sobre os impagos do IVE á nosa comunidade.

Este venres os socialistas da provincia da Coruña e de Lugo desmarcábanse da liña oficial e impulsaban unha moción para reclamar eses cartos que o Estado lle debe a Galicia, igual que están a facer outras comunidades autónomas gobernadas polo PSOE...

Caballero si falou hoxe da situación da sanidade pública galega. Acusou o PPdeG de desmantelar ese servizo durante os últimos once anos. Asegurou que a sanidade será a "bandeira" "dun goberno da Xunta progresista" e comparou a situación actual en Galicia coa doutras comunidades, que segundo dixo, presentan balances moito mellores.

"Mentres noutras comunidades se cobren o 98 por cento das prazas de pediatría, por exemplo, en Asturias, ou taxas preto do 100 por cento na Rioxa, ou do 90 e tantos por cento en Castela e León ou en Cantabria... en Galicia estamos dez puntos por debaixo do nivel que ten Asturias en cobertura de pediatría en primaria", dixo Gonzalo Caballero, Secretario xeral do PSdeG.

 

Noticias web

01/02/2020