Caballero pide axudas para a hostalería e o comercio: "Non poden pagar a factura do confinamento"
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou este xoves aos grupos parlamentarios do PPdeG e BNG a negociar para poder alcanzar un "grande acordo" que sirva para o rescate da hostalería, o comercio e o turismo en Galicia ante as dificultades coas que deben lidar como consecuencia da crise do covid-19.
Caballero mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, tras a cal compareceu ante os medios para sinalar que o actual nivel de restricións sanitarias "obriga ao peche de miles de negocios" sen que existan polo momento axudas que palíen as perdas xeradas.
"Temos que darlle a estes sectores todo o apoio e todo o respaldo necesario para sobrevivir en momentos de dificultade", considerou o dirixente socialista, crítico con que, ata o de agora, a Xunta só destinase 21 millóns de euros en axudas directas a autónomos e pemes.