CRTVG

Buscar

Caballero acusa a Feijóo de "impoñer un calendario electoral" non consensuado

Publicado o 18/05/2020 13:30

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou este luns ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "impoñer un calendario electoral" en Galicia non acordado coas forzas políticas da oposición.

Caballero pronunciouse así despois da convocatoria do Consello da Xunta extraordinario para fixar a nova data electoral, despois de que a crise do coronavirus obrigara a aprazar os comicios previstos o pasado 5 de abril.

Ante este feito, o secretario xeral dos socialistas galegos manifestou que o presidente galego "está a escribir as súas últimas páxinas á fronte do Goberno da Xunta", xa que os socialistas están "preparados para darlle a Galicia" un proxecto alternativo "de compromiso coa sanidade pública, co estado do benestar" e que conte "cunha política de reconstrución ao servizo da cidadanía para que ninguén quede na cuneta na recuperación da crise económica".