CRTVG

Buscar

Buscan o tripulante dunha barca que apareceu á valga en Cabío

Publicado o 23/04/2020 21:01

Nesta estrema da praia de Cabío apareceu este xoves a Rula. A lancha estaba preto das rochas que se ven ao fondo. Eran as 08:10 cando outro barco alertou do achado. Protección Civil busca dende aquela algunha pegada do seu tripulante desaparecido.

Erika Ronquete, xefa da quenda de mañá de Protección Civil da Pobra: "O que temos que encontrar é algunha peza de roupa, calzado, teléfono ou algo que nos dea pistas da persoa. Pero non sabemos se quedou no mar ou se saíu polo seu pé a terra".

O helicóptero Pesca 1 e a Salvamar Sargadelos buscaron por mar e aire, pero sen éxito. A Rula volve estar amarrada no porto da Pobra. Os seus donos din que non a usan dende hai tempo. Sospéitase que alguén a roubou para a pesca furtiva.

Erika Ronquete, xefa da quenda de mañá de Protección Civil da Pobra: "Fun buscar uns almorzos a unha panadaría e comentáronme que un home andaba vendendo centolas, e podía ser, porque a embarcacion tiña cebo vivo dentro e tiña os remos postos. Non sei se será ese ao final o sospeitoso ou non".

Ata o momento non hai ningunha denuncia por desaparición na vila. Aínda non se sabe se o misterioso tripulante afogou no mar ou se fuxiu polas rochas e deixou a barca á valga. Ante a dúbida, os equipos de busca seguen traballando.

Noticias web

23/04/2020