CRTVG

Buscar

Buscan en Boimorto un home de 82 anos desaparecido dende o sábado

Publicado o 02/03/2020 18:44

• Galicia mantén activas case 200 desaparicións sen resolver, 59 delas de menores

Son as imaxes dun dos drons da Axencia Galega de Emerxencias. Buscan dende o aire un home de 82 anos desaparecido o sábado pola noite en Boimorto. Con esta tecnoloxía rastrexan lugares de difícil acceso para as persoas. Por terra colaboran na busca máis dunha ducia de cans de rastrexo da Garda Civil e dunha asociación compostelá.

Julián Delgado, do Grupo Cinolóxico de Xixón: "Dende o seu domicilio ata a última zona na que o viron eles van ir pola marxe dereita e nós pola esquerda. Eles teñen máis cans e os nosos teñen máis experiencia. Así que estamos compensados". 

María Fabell, especialista en conduta animal de Só lles falta falar: "O que imos facendo é mover cans localizadores e rastrexadores para ver onde aparece un olor deste home pero a chuvia dificulta enormemente".

Ademais das forzas de seguridade e dos equipos especializados, ducias de veciños buscan estes días sen descanso polas zonas que mellor coñecen.

"Baixamos ata a lagoa polo monte, tamén miramos no regato, subimos cara os Currás e agora por aquí imos cara a Igrexa e Bugazo". "Por onde andamos nós non anda xente, pero algunha vimos. Andan moi repartidos".

"Este traballou en Lanzá e coñecía pistas. Saímos no coche a ver se o viamos e pola tarde volvemos".

"Saímos porque oímos o caso e hoxe é por el e mañá é por nós".

Manuel López Fandiño ten 82 anos, mide 1,75 e pesa uns 94 kg. No momento da desaparición levaba chaqueta verde escura de tres cuartos, pantalón azul mariño ou gris e xersei azul mariño. O home ten principio de alzhéimer e precisa medicación.

Noticias web

02/03/2020