CRTVG

Buscar

Bruxelas urxe a Londres a retirar o seu novo plan para Irlanda antes de finais de mes porque ameaza a paz

Publicado o 10/09/2020 17:39
Bruxelas urxe a Londres a retirar o seu novo plan para Irlanda antes de finais de mes porque ameaza a paz

O vicepresidente da Comisión Europea (CE) para Relacións Interinstitucionais, Maros Sefcovic, esixiu este xoves ao Reino Unido que retire antes de final de mes a lei coa que quere modificar salvagarda acordada para Irlanda do Norte, que aos seus ollos pon en risco o acordo de paz na rexión.

"A Unión Europea non acepta o argumento de que o espírito da lexislación é protexer o Acordo de Venres Santo. De feito, considera que fai exactamente o contrario", indicou Sefcovic nun comunicado tras a reunión en Londres do comité conxunto para avaliar o cumprimento dos acordos sobre o Brexit alcanzados ata o de agora.

Sefcovic advertiu de que os plans do Goberno británico "danaron seriamente a confianza" entre o Reino Unido e a Unión Europea, que continúan negociando un pacto que detalle a súa futura relación unha vez conclúa o período de transición do Brexit, o 31 de decembro. "Depende agora do Goberno británico restablecer esa confianza", agregou o vicepresidente da CE, que urxe a Londres a retirar a lexislación que comezou a tramitar esta semana, "o máis axiña posible e en calquera caso antes de fin de mes".

Que contén a polémica lei sobre o mercado interno que pode facer saltar todo polo aire?

-Outorga ao Goberno británico a capacidade para eliminar a esixencia de encher formularios de exportacións para as mercadorías que crucen desde Irlanda do Norte cara á illa de Gran Bretaña.

- Permite a Londres evitar que a lexislación europea sobre subsidios se aplique nas transaccións comerciais entre Irlanda do Norte e a Unión Europea.

- Declara de maneira explícita que as anteriores disposicións non poden declararse ilegais no Reino Unido en base a unha incompatibilidade con tratados internacionais. 

Londres non dará marcha atrás

O ministro británico do Gabinete, Michael Gove, afirmou este xoves que trasladou ao vicepresidente da Comisión Europea (CE) Maros Sefcovic que o seu Goberno non ten intención de retirar a polémica lei que modifica de maneira unilateral o acordo do Brexit. "Deixei perfectamente claro ao vicepresidente Sofcovic que non retirariamos esta lexislación. Comprendeuno", aínda que "por suposto lamentouno", afirmou o conservador Gove á canle británica " 

A polémica dificulta aínda máis a negociación sobre a futura relación entre ambos os lados da Canle da Mancha, da que se celebrou esta semana en Londres a oitava rolda de contactos. Ambos os lados esperan alcanzar un acordo antes do 15 de outubro para evitar unha ruptura abrupta dos lazos a final de ano. 

Noticias web

10/09/2020