CRTVG

Buscar

Bruxelas debate este martes restrinxir o acceso á UE durante 30 días para conter o virus

Publicado o 16/03/2020 17:07
Bruxelas debate este martes restrinxir o acceso á UE durante 30 días para conter o virus

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, propuxo este luns que se restrinxa o acceso aos países da Unión Europea desde o exterior durante trinta días para conter a expansión do coronavirus, unha medida que abordarán os líderes da UE no seu cumio por videoconferencia de mañá.

Está previsto que hoxe mesmo se aprobe a decición. A medida impediría o acceso a Unión dende terceiros países. O obxectivo é limitar a expanción do Covid-19 e facilitar a absorvión dos pacientes polos sitemas de saúde, un dos grandes problemas desta crise. Hoxe reuniranse os líderes de Estado e de Goberno por videoconferencia, cos contacto previos avanzados e con apoio xeral á medida.

Aplicaríanse excepcións para permitir a entrada en territorio comunitario de cidadáns da UE ou residentes de longa duración que regresen a casa, membros da súa familia, así como do persoal diplomático destinado na UE, persoal sanitario ou científicos que estean a traballar nunha cura e a persoas que traballen nun país veciño e deban cruzar a fronteira para iso.

Así mesmo permitirase a entrada para o transporte de bens, posto que "o fluxo de bens á UE debe continuar para asegurar a subministración, incluíndo cousas esenciais como produtos farmacéuticos ou comida, pero tamén elementos que necesiten as fábricas", segundo explicou von der Leyen.

Estes límites ás viaxes consideradas "non esenciais" aplicaranse por un período inicial de 30 días que podería ser prorrogado se fose necesario, explicou.

Para que a restrición sexa efectiva, Bruxelas considera que tería que ser tamén aplicada polos catro países non comunitarios que forman parte do espazo de libre circulación Schengen: Suíza, Noruega, Islandia e Liechtenstein.

Von der Leyen anunciou a proposta nunha conferencia de prensa xunto ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel, tras unha videoconferencia cos socios do G7, aos que informou desta iniciativa.

Durante a pasada fin de semana xa se trasladou a medida á maioría dos xefes de Estado e de Goberno comunitarios, que mostraron un "forte apoio" á iniciativa que o Executivo comunitario espera deixar finalizada mañá durante o cume telemático, dixo.

A medida debe ser aprobada por cada un dos estados membros, sinalou Michel.