CRTVG

Buscar

Bruxelas pide aos países acelerar a ratificación do fondo de recuperación

Publicado o 18/01/2021 20:16

O comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, instou este luns os ministros de Economía e Finanzas da zona euro a asegurar que se ratifica tan rápido como sexa posible a lexislación que lle permitirá emitir débeda para financiar o fondo de recuperación pospandemia da Unión Europea.  

"O proceso está en marcha, pero vemos que hai calendarios bastante diferentes entre os Estados membros. Por iso enviei a mensaxe aos ministros de que deberían exercer toda a súa influencia para asegurar que os procedementos nacionais se completan tan rápido como sexa posible", dixo Gentiloni nunha conferencia de prensa tras a reunión por videoconferencia do Eurogrupo.

Este trámite, lembrou, "é fundamental" para que a Comisión Europea poida proceder o "próximo verán" ao desembolso do primeiro pago por adiantado das axudas do fondo de recuperación, que equivalerá ao 13 % das subvencións que lle correspondan a cada país.  

España recibirá 69.528 millóns de euros en transferencias a fondo perdido do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, o principal alicerce do fondo, polo que este anticipo ascendería a 9.038 millóns de euros. O Goberno presupostou 27.000 millóns con cargo ás axudas do fondo nas contas de 2021. 

Mentres se produce esta ratificación, a Comisión Europea xa traballa con varios países, entre eles España, sobre os seus borradores dos plans de reformas e investimentos que prevén financiar co diñeiro do fondo, co fin de acordar as medidas, calendario e metas que terán que cumprir para recibir os desembolsos. O obxectivo é que unha vez os presenten oficialmente estes reciban luz verde o máis rápido posible.  

Gentiloni lembrou que os países poderán enviar formalmente os seus plans unha vez entre en vigor a regulación do Mecanismo, algo que ocorrerá "na segunda metade de febreiro", posto que o texto aínda debe ser votado no pleno da Eurocámara e traducido.  

Unha vez reciba os plans, a Comisión terá dous meses para dar o seu visto e prace, tras o cal o Consello (os países) contará cun mes para aprobalos a través do seu Comité Económico e Financeiro (o órgano que reúne os segundos dos ministros de Economía). Os países terán ata finais de abril como moi tarde para envialos.   

Gentiloni afirmou que están "a facer bos progresos" nas súas conversacións cos países para "asegurar que todos os plans presentan o equilibrio adecuado entre investimentos e reformas e que estas abordan un conxunto substancial das recomendacións específicas" que a Comisión emite para cada país.  

Os borradores enviados ata o de agora constitúen "unha moi boa base", pero deben traballar con "todos" os Estados para reforzalos desde o punto de vista das "reformas, as recomendacións específicas para cada país e os detalles sobre o calendario dos obxectivos que se queren conseguir"