CRTVG

Buscar

Bruxelas asina un segundo contrato para adquirir vacinas contra a covid-19

Publicado o 18/09/2020 19:24

A Comisión Europea (CE) pechou este venres un contrato coas farmacéuticas Sanofi-GSK, o segundo que asina o Executivo comunitario desde o logrado con AstraZeneca, que permitirá adquirir ata 300 millóns de doses da súa futura vacina contra o coronavirus. "Co contrato de hoxe con Sanofi- GSK, a Comisión Europea mostra unha vez máis o seu compromiso de garantir un acceso equitativo a vacinas seguras, eficaces e alcanzables non só para os seus cidadáns, senón tamén para as persoas máis pobres e vulnerables do mundo", celebrou a presidenta da CE, Ursula Von der Leyen, nun comunicado.

En virtude deste acordo, os Estados membros poderán doar parte das súas doses reservadas a países de renda baixa e media, mentres que a farmacéutica tratará de proporcionar unha parte significativa da súa subministración a través do mecanismo de acceso mundial ás vacinas contra o coronavirus ( COVAX). A Comisión, que xa asinou un acordo con AstraZeneca a finais do pasado mes de agosto, continúa negociando pactos similares con outros fabricantes de vacinas como Johnson&Johnson, CureVac, Moderna e BioNTech, cos que xa mantivo conversacións exploratorias.

Von der Leyen asegurou que "pronto" se pecharán estes acordos e "crearase unha carteira diversificada de vacinas prometedoras, baseadas en diversos tipos de tecnoloxías", para "aumentar as nosas posibilidades de atopar unha solución eficaz contra o virus", engadiu a presidenta

. Pola súa banda, a comisaria europea de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, destacou que "unha vacina segura e eficaz é máis necesaria que nunca para superar esta pandemia", e subliñou que este segundo acordo constitúe "outro fito" na estratexia da Unión para as vacinas.

 

Noticias web

18/09/2020