CRTVG

Buscar

Bruce Springsteen a Trump: "Poña unha maldita máscara"

Publicado o 18/06/2020 07:50
Bruce Springsteen a Trump: "Poña unha maldita máscara"

O músico Bruce Springsteen instou o presidente de Estados Unidos, Donald Trump, a que poña "unha maldita máscara" ao criticar a resposta do seu Goberno á pandemia do coronavirus, que causou nos Estados Unidos preto de 120.000 falecidos.

The Boss, nunha intervención no seu programa de radio From His Home to Yours recollida polo medio Esquire, dixo que o rastro de morte que o coronavirus está a deixar no país máis golpeado pola pandemia é unha "deshonra nacional".

"Tiña outro programa preparado para transmitir nesta semana deste verán estraño e axitado, pero con máis de 100.000 estadounidenses morrendo nos últimos meses e a resposta baleira e avergoñada dos nosos líderes, simplemente, enfadeime", dixo Springsteen.

"Esas vidas -engadiu- merecían algo mellor que ser tan só estatísticas incómodas para o intento de reelección do noso presidente".

O músico de Nova Jersey dirixiuse directamente ao presidente: "Vou empezar enviando unha (mensaxe) ao home sentado no Despacho Oval. Con todo o respecto, señor, mostre certa consideración e preocúpese polos seus compatriotas e o seu país. Poña unha maldita máscara".

Non é a primeira vez que Springsteen critica a Trump; no pasado dixo que o presidente non tiña interese ningún en unir o país e tamén que non comprende o significado do que é ser estadounidense.

O presidente nunca levou unha máscara en público desde o inicio da pandemia a pesar de que as autoridades sanitarias nos Estados Unidos o recomendan e de que se deron casos de coronavirus na Casa Branca.

Nunha visita recente a unha fábrica de Ford, Trump rexeitou de novo poñela fronte ás cámaras a pesar de que tanto o presidente da automobilística, Bill Ford, como a fiscal xeral de Michigan, a demócrata Dana Nessel, lle pediron que o fixese.

"Non quería dar á prensa o pracer de verme" coa máscara, afirmou Trump cando os xornalistas lle preguntaron por que non a levaba.