CRTVG

Buscar

Boris Johnson é trasladado á UCI ao empeorar a súa infección por COVID-19

Publicado o 06/04/2020 21:35

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, foi trasladado á unidade de coidados intensivos ao empeorar o seu estado de saúde, informou hoxe un portavoz de Downing Street.

Johnson, de 55 anos, contraeu a COVID-19 hai once días e foi ingresado no hospital londiniense de St Thomas o domingo pola noite ante os síntomas "persistentes" que presentaba.

"Durante esta tarde, o estado do primeiro ministro empeorou e, baixo as recomendacións do seu equipo médico, foi ingresado na unidade de coidados intensivos do hospital", sinalou o seu portavoz nun comunicado. O xefe do Goberno británico foi trasladado á Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do centro médico situado preto do Parlamento británico ao redor das seis da tarde, hora local.

Downing Street subliña que Johnson se atopa consciente e lle pediu ao ministro de Exteriores, Dominic Raab, que exerza as súas funcións cando sexa necesario. Nunha conferencia de prensa esta tarde, Raab asegurou que non falou con Johnson desde a fin de semana. O xefe da diplomacia británica presidiu esta mañá a reunión diaria para coordinar a resposta á pandemia. "O primeiro ministro está a recibir unha atención excelente. Grazas a todo o persoal do sistema público de saúde polo seu duro traballo e dedicación", agregou o portavoz de Johnson.

Dominic Raab, o ministro de Asuntos Exteriores, asume a resposta británica á pandemia e informa da evolución de Boris Johnson e aapela ao espírito de equipo para continuar na loita para superar a COVID-19. Os dirixentes internacionais trasladan os seus mellores desexos ao primeiro ministro británico. Trump ofreceu axuda sanitaria para tratalo e Macron desexoulle unha rápida recuperación.

O certo é que o escenario político no Reino Unidos é descoñecido porque a Constitución non ten regulado quen asumiría o poder no caso do falecemento do primeiro ministro. Mentres, a cifra de contaxiados xa pasa dos 50.000 e a de mortos achégase aos 5.500.