CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa fan unha demostración de forza e preparan novas mobilizacións

Publicado o 01/06/2020 11:16

Clamor e indignación na Mariña. A dos traballadores de Alcoa acompañados de milleiros de persoas que se opoñen ao peche da empresa que dá sustento a boa parte da comarca. Non serán as últimas protestas. Para hoxe, non hai convocadas concentracións. Reúnense os delegados das auxiliares, que tamén van manter un encontro co comité de Alcoa. Prepáranse para a reunión do mércores co Ministerio de Industria. Para mañá, coincidindo co Consello de Ministros, anuncian novas protestas, que irán a máis se non ven solución. 

Avisaron de que non ían quedar de brazos cruzados e cumprírono. Os traballadores de Alcoa cortaron a autovía A-8 en Ribadeo. Reclaman a atención das administracións para que eviten o despedimento de 534 traballadores da planta de aluminio en San Cibrao. Queimaron pneumáticos e lanzaron consignas en defensa da viabilidade desta planta.

Foi unha concentración masiva, que contou co apoio de traballadores e de representantes de toda a Mariña lucense. Manifestación en defensa do traballo, que se volverá repetir, con independencia de que o mércores por vía telemática se reúnan con representantes do Ministerio de Industria. 

O Goberno asegura que está en conversas coa dirección de Alcoa e cos sindicatos para garantir o mantemento do emprego e a perdurabilidade da factoría da Mariña. 

Sobre a perda de empregos en Alcoa, Núñez Feijóo dixo que o aumento do paro pola crise do coronavirus é, lamentablemente, algo que temos que asumir, pero engadíu que é inaceptable a deixadez do Goberno co caso de Alcoa. 

Alberto Núñez Feijóo aproveitou a xuntanza telemática co presidente do Goberno para transmitirlle a preocupación ante a inmobilidade do executivo central para establecer o estatuto das industrias electrointensivas cun prezo que lles permita ser competitivas. Sobre esa carencia é sobre a que pivota a decisión dos dirixentes de Alcoa para o futuro das súas instalacións en San Cibrao.

 

Noticias web

01/06/2020