CRTVG

Buscar

Biofabri prevé comezar a produción da vacina contra a covid-19 en tres meses

Publicado o 16/09/2020 14:52

As instalacións de Biofabri, filial do Grupo Zendal e situada no Porriño, están agora no proceso de transferencia tecnolóxica. Aceleran os trámites para comezar a fabricación da vacina da farmacéutica norteamericana Novavax para a Unión Europea. Esperan empezar nun prazo de dous ou tres meses, mentres se fan os ensaios da fase tres, cando se proba en milleiros de persoas.

Andrés Fernández, conselleiro delegado do Grupo Zendal: "As vacinas tardan moito en fabricarse. Se esperamos a que remate a fase tres, tardariamos moitísimo en chegar ao mercado e non estamos en situación diso. Todas as farmacéuticas están a facer o mesmo: adiantar a produción para que, en canto se poida, a poboación se vacine"

Falar dun número preciso de doses é moi difícil neste momento, pero xa adiantan que desta empresa galega poderán saír moitas vacinas.

Andrés Fernández, conselleiro delegado do Grupo Zendal: "Nós empezamos a fabricar en canto termine a transferencia tecnolóxica, e produciremos todo o que poidamos. Non podo dar números concretos, pero estamos a falar de centos de millóns de doses"

Nestas instalacións do Porriño traballan agora 200 persoas, pero contan con ampliar o cadro de persoal con traballadores moi especializados. A empresa é a primeira de España que entra no proceso de fabricación dunha das vacinas contra o coronavirus.

Noticias web

16/09/2020