CRTVG

Buscar

'Bernarda', de Malasombra, domina con catro galardóns os María Casares

Publicado o 09/11/2020 21:38

Este serán e a través da súa canle oficial de Youtube coñecemos os gañadores da vixésimo cuarta edición dos Premios de Teatro María Casares. Foi unha gala atípica, condicionada pola pandemia que, con todo, non renunciou a premiar o teatro galego.  A obra Bernarda, de Malasombra Producións, foi o gañador deste ano con ata catro galardóns.

Unha gala en liña, sen espectáculo, sen público e sen o palco do Rosalía de Castro da Coruña. Fume metafórico que, agardan, se disipe pronto. Fume que, con todo, premia o mellor da produción teatral galega. Ata en catro ocasións os espectadores virtuais escoitaron o nome de Bernarda, recoñecido como o mellor espectáculo, texto orixinal, mellor actriz secundaria, e mellor dirección compartido neste caso con María Peinado por O meu mundo non é deste reino, espectáculo que levou tamén o María Casares, á mellor adaptación/tradución.

Con dous galardóns tamén se fixo Liberto, de Rebordelos: premio á mellor actriz protagonista... e música orixinal.

Machi Salgado recolleu o seu galardón como mellor actor protagonista en Idiota e Rocío González faría o propio na categoría feminina por Liberto. E, aínda que sen público e sen espectáculo, Josito Porto tirou de humor e escena para recoller o María casares como mellor actror secundario.

O mellor espectáculo infantil levouno Ummm, unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento.

Foi unha gala atípica, marcada pola pandemia e polas reivindicacións, que estiveron presentes na intervención de Flor Maceiras, Premio de Honra Marísa Soto, no manifesto Do Día Mundial do Teatro ou no discurso da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A cultura, o teatro, defenden, son seguros.

Noticias web

09/11/2020