CRTVG

Buscar

Beneficios e inconvenientes do xaxún intermitente como método de adelgazamento

Publicado o 21/10/2020 15:04

Facer xaxún non é unha modernidade descuberta agora por celebridades e personaxes populares das redes sociais. Era habitual nas tribos prehistóricas, gregos e romanos facíano e moitas relixións tamén o promoven. Por un motivo ben diferente como é a perda de peso, nos últimos anos está en auxe o xaxún intermitente.

Desde o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, a xefa do Grupo de Epixenómica, Nutrición e Endocrinoloxía, Ana Belén Crujeiras, explica que "a variedade máis estrita é a que alterna períodos de xaxún de 16 horas con outros de inxesta de 10 horas, e a partir de aí hai distintas opcións".

Deste xeito indúcese un estado metabólico chamado cetose. Consiste, basicamente, en facilitar a queima de graxa corporal, porque esta pasa a ser a principal fonte de enerxía.

"Estase demostrando que é eficaz para a perda de peso en persoas con obesidade", confirma.
Tamén hai estudos que indican que é bo para previr a diabetes, que ten propiedades antioxidantes e que mesmo proporciona un maior benestar. Pero milagres non produce.

"Se no período en que podes comer te enches de doces industriais, isto non serve para nada", advirte.

Crujeiras engade que "é necesario un período de adaptación en que o paciente pode sentirse mal, e mesmo non ser capaz de soportalo". Ademais, "se non hai seguimento, pode haber problemas de desnutrición".

Por iso é fundamental que sexa un profesional da saúde quen supervise e guíe este xaxún intermitente. En nenos, anciáns e mulleres embarazadas está totalmente contraindicado.

Noticias web

21/10/2020