CRTVG

Buscar

Almodóvar triunfa nos Goya, que recoñecen a Benedicta como a mellor actriz revelación

Publicado o 26/01/2020 01:53

• Mauro Herce recibe o premio á mellor dirección de fotografía pola mesma película

O cinema galego obtivo tres premios nos Goya 2020. Benedicta Sánchez, de 84 anos, é o Goya á mellor actriz revelación polo seu papel protagonista na fita de Oliver Laxe. E Mauro Herce recibiu o Goya á mellor dirección de Fotografía polo seu labor nesta mesma fita.

Enric Auquer, obtivo o Goya ao Mejor actor revelación polo seu traballo en "Quien a hierro mata" da produtora galega Vaca Films.

Pero o gran triunfador na gala dos Goya 2020 foi Pedro Almodóvar.  Fíxose co Goya ao mellor director e o mellor guión orixinal. A fita, "Dolor y Gloria", foi a mellor película e Antonio Banderas gañou o premio ao mellor actor protagonista. Julieta Serrano gañou o seu primeiro Goya aos 87 anos como a mellor actriz de reparto. Amais, a fita de Almodóvar recolleu tamén o Goya á mellor música, obra de Alberto Iglesias. En total sete premios das 16 candidaturas coas que partía.

Cinco premios levou "Mientras dure la guerra", de Alejandro Amenábar. Foron para Eduard Fernández, o mellor actor de reparto pola súa interpretación do xeneral Millán Astray, Carla Pérez de Albéniz á mellor dirección de produción, Sonia Grande ao mellor deseño de vestiario, á
mellor dirección artística, e a mellor maquillaxe e peiteados.

Outra das grandes favoritas a priori, "La trinchera infinita", que partía con 15 candidaturas, finalmente só obtivo dous premios: Belén Cuesta, a mellor actriz protagonista e o mellor son para Iñaki Díez, Alazne Ameztoy, Xanti Salvador e Nacho Royo-Villanova.


Outros dous galardóns levou "Intemperie". O seu director, Benito Zambrano, levou o Goya ao mellor guión adaptado. O outro premio foi para a mellor canción orixinal.


A cineasta Belén Funes foi premio Goya á mellor dirección novel pola súa fita "La higa de un ladrón".
A arxentina "La odisea de los giles", de Sebastián Borensztein e protagonizada por Ricardo Darín, gañou o Goya á mellor película iberoamericana.

A fita "Los miserables" (Francia), de Ladj Ly, recibiu o premio á mellor fita europea. "Buñuel en el laberinto de las tortugas", do catalán Salvador Simó, logrou o Goya á mellor película de animación, gañando a "Klaus", a fita española que competirá nos Óscar.


"Ara Malikian, una vida entre las cuerdas" alzouse co Goya 2020 á mellor película documental.
"Madrid 2120", de José Luís Quirós e Paco Sáez, recibiu o Premio Goya 2020 á mellor curtometraxe de ficción.

"Nuestra vida como niños refugiados en Europa", de Silvia Venegas Venegas, alzouse co Goya á mellor curtametraxe documental. 

O Goya de honra foi para Pepa Flores, que non acudiu a recollelo. No seu lugar fixérono as súas tres fillas. Pepa Flores leva 30 anos afastada dos escenarios e dos focos.

 

 


 

 

Noticias web

26/01/2020