CRTVG

Buscar

Bélxica impón toques de queda e peche de restaurantes para frear o virus

Publicado o 16/10/2020 21:09
Bélxica impón toques de queda e peche de restaurantes para frear o virus

Bélxica anunciou este venres un toque de queda e o peche durante un mes de todas as cafeterías e restaurantes para tentar frear a escalada de casos de coronavirus, que o sitúan como o segundo país con máis incidencia de covid-19 da Unión Europea.

"Dámonos conta de que estas medidas son duras e que haberá quen pense que non son xustas, pero este virus non é xusto. Non nos afecta a todos, pero afecta de maneira desproporcionada aos máis vulnerables", dixo en conferencia de prensa o primeiro ministro, Alexander De Croo.

O primeiro ministro advertiu de que as cifras que rexistra Bélxica na actualidade "son peores que en marzo e abril" e afirmou que a única misión do Goberno agora é facelas baixar, pero pediu "poñerse en garda para recibir malas noticias" xa que "nos próximos días seguirán subindo".

Toque de queda

Aplicado xa en varias provincias do sur do país, Bélxica impoñerá a nivel nacional un toque de queda desde a medianoite ata as cinco da mañá, unha restrición menos dura que a exposta por Francia na rexión de París e outras oito áreas metropolitanas do país, de nove da noite a seis da mañá.

En Bélxica, a medida empezará aplicarse na madrugada do domingo ao luns próximo.

Peche de bares, cafeterías e restaurantes

Os bares, que ata o de agora debían pechar ás 23.00 horas, veranse obrigados a pechar durante un mes, igual que as cafeterías e restaurantes, nos que ata o de agora se permitían mesas de máximo catro persoas.

O peche da restauración avaliarase dentro de dúas semanas e podería revisarse, e prepararase un plan de compensacións para o sector.

Contactos estreitos

Os contactos estreitos fóra do fogar pasan a limitarse a unha única persoa, fronte ás tres que se permitían ata o de agora e as cinco o mes pasado.

En canto á chamada "burbulla" de persoas ás que se pode recibir no domicilio mantendo precaucións de distancia social ou con máscara, esta mantense en catro persoas, pero deberán ser as mesmas durante un período de dúas semanas.

Teletraballo

Moi recomendado ata o de agora, o teletraballo pasa a ser obrigatorio nos sectores nos que sexa posible.

No caso dos empregos que non o permitan, deberase facer o necesario para que as persoas traballen "coa máxima seguridade posible".

Mapa de risco

As autoridades publicarán unha escala do 1 ao 4 en función da incidencia da covid para tomar decisións en consecuencia, un semáforo numérico que se inaugura no nivel 4 no conxunto do país, aínda que cuxos parámetros, dixo o ministro, non están finalizados.

Bélxica rexistra unha incidencia acumulada de 550 casos sobre 100.000 persoas nos últimos 14 días, cunha media de contaxios de 5.976 casos diarios na última semana e de 193 ingresos hospitalarios.

O país marcou un récord de contaxios o pasado luns, con 8.682 infeccións.