CRTVG

Buscar

Un Barcelona á deriva perde 0-3 coa Juventus

Publicado o 09/12/2020 12:56

Koeman non gaña para desgustos. Ía seguro coma un funámbulo polo fío da Champions e, velaí: perde a rede de seguridade e sáelle a burra capada.

Ronald Koeman, adestrador do Barça: "Semellaba que sairamos a non perder".

Cristiano puxo o detonante na traca culé ao cuarto de hora provocando un penalti de Araújo. Rigoroso pero de sentenza firme e gol de Cristiano dende os once metros vencendo a Ter Stegen ao lado contrario do balón.

A posta en escena da 'Vechia Signora' estaba chea de vizosidade e impulso. Golazo para dous a cero aos vinte minutos. Túa miña de Cuadrado con McKennie e volea espectacular do futbolista ianqui.

Andrea Pirlo, adestrador da Juve: "Cando saes ao campo con esta vontade, e con esta determinación, a calidade técnica é o de menos"

Daquela a Juve xa podía xogarlle coa vantaxe ao Barça e activar o seu máis recoñecible modo defensa. Para escarnecemento blaugrana e malia xogar con Trincao, Pedri, Griezmann e Messi arriba, o único que deu pé con bola foi o arxentino. Nun dó particular co prexubilado Buffon encantado na rexouba particular con Messi.

A noite infausta de Lenglet completouse na arranacada do segundo tempo cunha man na área que pasa polo fielato do VAR e acaba co balón nos once metros. De novo Cristiano enganando a Ter Stegen e pechando a historia dun cero a tres que vai traer máis revoltura a un equipo en que a felicidade de Messi xa é cousa do pasado.

 

Noticias web

09/12/2020