CRTVG

Buscar

O Banco de España advirte de que este ano non baixará o déficit

Publicado o 16/12/2019 13:51
O Banco de España advirte de que este ano non baixará o déficit

O Banco de España avisa: a taxa de paro será máis alta e o Goberno apenas reducirá o déficit. Sobre a desviación do déficit, cre que en España non logrará reducir o desfasamento este ano, e que pecharemos o exercicio co déficit no 2,5%.

A previsión de crecemento mantense no 2% este ano e no 1,7% o que vén. O crecemento irá baixando progresivamente confirmándose unha senda de desaceleración económica, segundo as previsións do Banco de España.

O Banco de España mantén que a economía crecerá o 2 % en 2019, o 1,7 % en 2020 e o 1,6 % en 2021, e engade un 1,5 % para 2022, o que dá continuidade a unha expansión baseada na recuperación gradual do mercado exterior e na fortaleza dunha demanda interna axudada pola baixada do petróleo.

A entidade avisa de que persisten tamén os riscos á baixa, fundamentalmente por eventuais ameazas no contexto exterior, pero tamén pola incerteza política no ámbito nacional, onde non ve os elementos necesarios para retomar a consolidación fiscal nin para impulsar o crecemento da economía.

Neste contexto, o Banco de España eleva unha décima, ata o 2,5 % do PIB, a desviación do déficit público para 2019, medio punto por encima da meta comprometida polo Goberno, o que implicaría unha corrección nula respecto a 2018, de acordo coa proxeccións macroeconómicas publicadas este luns pola entidade.