CRTVG

Buscar

Incertezas e esperanzas no primeiro día de apertura do comercio

Publicado o 05/05/2020 08:09

Xa se pode facer balance do primeiro día de apertura dos pequenos comercios. E a conclusión é que foi unha apertura ao ralentí. Abriron os pequenos comercios, con incertezas e esperanzas, agardando recuperar o negocio aos poucos, pero aínda con moitas limitacións e cautelas.

No primeiro día en que podían atender aos clientes, sempre con cita previa, o sector que máis actividade tivo foi o dos salóns de peiteado, que se adaptaron cada un ao seu xeito ás normas de seguridade e hixiene esixidas polo goberno para poderen traballar. Cita previa, desinfeccións, equipos de protección individual e nada de revistas.

A Federación Nacional de Traballadores Autónomos calcula que abriron ao redor da metade dos salóns de peiteado, o sector que máis actividade tivo nesta primeira xornada da fase cero. O impacto no resto din que foi reducido, e calcúlanlle un vinte por cento de aperturas.

De feito, comezar a semana que vén é a opción dalgúns negocios. Máis á vista de como estaban algunhas rúas comerciais, coma as do centro de Santiago.

Moitos agardaban con ansia a reapertura da actividade, uns por cuestións médicas, de benestar e saúde. E outros por eses detalles que quedaran á espera, como as compras relacionadas coas reparacións ou necesidades no fogar. As ferraxerías tamén tiveron traballo onte.

Hai tendas en que mercar tocando o menos posible vai ser un gran cambio, e os propietarios avalían maneiras de levalo ben e con seguridade.

Noticias web

05/05/2020