CRTVG

Buscar

Balance de tráfico na Semana Santa: 2 mortos en Galicia e 27 en toda España

Publicado o 25/04/2019 04:06
Balance de tráfico na Semana Santa: 2 mortos en Galicia e 27 en toda España

Dúas persoas morreron en Galicia en accidentes de tráfico durante a Semana Santa. En toda España foron 27 as vítimas mortais nas estradas. Son 4 menos ca o ano pasado e confirman unha tendencia continua á baixa durante os últimos 25 anos. 

Dúas persoas morreron nas estradas galegas durante a Semana Santa. Dende as tres da tarde do 12 de abril e ata este luns houbo en toda España 27 mortos. As cifras aínda impresionan, pero melloran moito os resultados do ano pasado. Son 4 vítimas menos ca no anterior exercicio. É a segunda cifra máis baixa dende o ano 93. Os datos melloran a pesar de que aumenta o número de desprazamentos.

A gran maioría dos falecementos, 21, producíronse en vías convencionais. Só 6 persoas morreron en autovías ou autoestradas. O tipo de accidente máis frecuente segue sendo a saída de vía.

Pero o bo dato da Semana Santa contrasta co enorme aumento de falecidos nas estradas galegas no que vai de ano. Desde o un de xaneiro, houbo 30 mortos en accidentes na nosa comunidade. O ano pasado foron 18.

Este incremento rexistrouse case unicamente na provincia de Pontevedra. Alí os falecidos nas estradas pasaron de 1 a 10 dun ano para outro.

Os datos resultan aínda máis curiosos se se comparan co balance interanual do Estado, xa que neste período o número de vítimas mortais baixou en España. Foron 9 menos que o ano pasado.

Noticias web

25/04/2019