CRTVG

Buscar

Baixan un 8,8% o número de divorcios en Galicia

Publicado o 13/12/2019 11:28
Baixan un 8,8% o número de divorcios en Galicia

Os divorcios e separacións rexistrados en Galicia entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano descenderon un 8,8 por cento en relación ao mesmo período de 2018, mentres, a nivel estatal, incrementáronse nun 1,4 por cento.

Segundo datos facilitados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no terceiro trimestre de 2019 presentáronse case 1.200 demandas de ruptura matrimonial na comunidade fronte ás máis de 1.300 contabilizadas nos mesmos meses do ano anterior. Deste xeito, en relación ao segundo trimestre deste ano, acumulouse unha caída do 18,4 nos divorcios e separacións, que pasaron de 1.470 a 1.200. 

Ademais, en Galicia, rexistráronse 4,4 solicitudes de ruptura matrimonial por cada 10.000 habitantes no terceiro trimestre do ano, unha cifra inferior á media estatal, que se sitúa en 4,7. En concreto, os divorcios consensuados descenderon un 13 por cento (pasaron de 725 a 631) e, os non consensuados, un 2,4 por cento (diminuíron de 540 a 527), entre xullo e setembro deste ano en relación a eses meses de 2018. Así mesmo, as separacións de mutuo acordo baixaron de 36 a 30 no terceiro trimestre do ano e, as non consensuadas, de 14 a 11. Mentres, aínda que o ano pasado contabilizárase unha nulidade matrimonial neste período, en 2019 non se rexistrou ningunha.

Durante este verán tamén se observou un incremento do 18,5 por cento no inicio de procedementos de medidas consensuadas en comparación con ese período de 2018. Mentres tanto, as demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 365 a 350, o que supuxo un descenso do 4,1 por cento.

En relación aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, contabilizouse un descenso do 7,8 por cento ao pasar de 192 demandas de modificación de medidas consensuadas a 177. En cambio, acumulouse un aumento do 8,1 por cento na solicitude de medidas non consensuadas, que se incrementaron desde 260 a 281.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí