CRTVG

Buscar

Ayuso recoñece o seu "erro" ao dicir que o D de COVID corresponde a decembro

Publicado o 11/05/2020 18:54
Ayuso recoñece o seu "erro" ao dicir que o D de COVID corresponde a decembro


 A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, recoñeceu este luns o seu "erro" ao afirmar que a COVID-19 foi denominada así porque significa "coronavirus decembro de 2019", cando en realidade fai referencia ao acrónimo en inglés de "coronavirus disease 2019".

"Hoxe dixen que a COVID-19 se expandiu tanto porque o mundo reaccionou tarde, xa que naceu en decembro 19 e que o D pertence a este mes. É un erro: o D é de 'disease' (enfermidade, en inglés)", dixo Ayuso na súa conta de Twitter.

Ayuso fixo estas declaracións nunha entrevista a Onda Cero, onde argumentou que a COVID-19 se chama así porque "este virus estaba desde decembro de 2019 campando por todas partes". Horas máis tarde, Ayuso admitiu a súa equivocación, pero insistiu en que "se actuou tarde tendo en conta que se notificou o 31 de decembro de 2019".

O nome da pandemia naceu do acrónimo en inglés derivado de 'coronavirus disease' (enfermidade de coronavirus) e en febreiro pasado foi adoptado como nome estándar pola Organización Mundial da Saúde (OMS). A OMS decidiu usar un nome que "se poida pronunciar e non aluda a unha localización xeográfica específica, un animal ou un grupo de persoas" para evitar estigmatizacións, destacou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Noticias web

11/05/2020