CRTVG

Buscar

Ayuso defende a súa estancia nun apartahotel por dignidade como presidenta de Madrid

Publicado o 14/05/2020 18:27

A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, defendeu no pleno da Asemblea de Madrid a súa decisión de aloxarse nun apartahotel durante a pandemia do coronavirus, ao ser "un sitio digno" para traballar, como querería "calquera presidente autonómico", e que ademais pagará "do seu peto".

Ayuso deu por primeira vez persoalmente explicacións ante a polémica que levantou o seu aloxamento desde o pasado 16 de marzo nun apartahotel de luxo da capital, propiedade do empresario Kike Sarasola, presidente de Room Mate, e pola que o líder do seu partido, Pablo Casado, volveu a saír na súa defensa.

A cadea hostaleira cedeu á Comunidade de Madrid os seus seis hoteis na capital durante a pandemia, catro para persoal sanitario e outros dous para persoas maiores sen coronavirus, unha iniciativa altruísta, segundo Sarasola, que precisou que Ayuso pagará cando o abandone e cifrou o custo total mensual do aloxamento en 2.400 euros, xa que por longa estancia o prezo por noite redúcese a 80 euros.

"Vostede pretende que eu resolva os asuntos dos madrileños sobre o comedor onde ceo todos os días (...) mentres eu estea a traballar como presidenta da Comunidade de Madrid fareino nun sitio cunhas bandeiras e nun sitio digno, por exemplo coa foto do Rei", contestou Ayuso a unha pregunta que lle formulou o portavoz de Más Madrid.

Ademais, dixo que "o único raro" en todo este asunto foi a publicación no Portal de Contratación da Comunidade, por parte da Consellería de Políticas Sociais (que dirixe Ciudadanos), dun contrato "casualmente mal posto" e adxudicado a Room Mate, que logo foi "descolgado a unhas horas estrañas" e sobre o cal Ayuso anunciou unha investigación interna.

Este contrato está relacionado coa prestación de servizos sociosanitarios no único hotel dos dous ofrecidos por Room Mate, que finalmente se puxo en marcha para persoas maiores. No Portal de Contratación da Comunidade chegou a figurar como adxudicatario do contrato Room Mate por un importe de 565.749,58 euros, pero despois cambiouse o nome do adxudicatario polo da Coordinadora do Terceiro Sector e reduciuse o importe a 240.443,57 euros 

Noticias web

14/05/2020