CRTVG

Buscar

Axudas de 5,2 millóns para o marisqueo a pé pola parada da actividade na pandemia

Publicado o 19/08/2020 14:56

As contías por xornada perdida son de 91 euros para os percebeiros, 75 euros para o marisqueo en xeral e 57 euros para os que extraen poliquetos

Un cento de mariscadoras apuran a xornada neste día de verán na praia de Anido, en Muros. Quédanlles un par de semanas para rematar unha campaña que se deu mellor do que se prevía. As dificultades xeradas pola pandemia e o descenso do turismo non afectaron os prezos.

"Nunca recordamos uns prezos medios tan bos. O berberecho estivo entre 12 e 14 euros, a fina chegou a 60 euros...", comenta Daniel Formoso, patrón maior de Muros.

Axudas polo cesamento de actividade durante a pandemia

No final da campaña, aquí xa custa máis traballo coller os topes de cinco quilos de berberecho e tres de xapónica. Da calidade do produto deu boa conta a conselleira do Mar. Durante a pandemia, estas mariscadoras estiveron un mes sen traballar. Desde hoxe, poden solicitar as axudas polos días de inactividade entre o 16 de marzo e o 30 de xuño.

"Son unhas axudas que van en función dos prezos medios nas lonxas. Diferénciase o marisqueo dos recursos específicos como é o caso do percebe. As axudas van desde o 57 ata os 91 euros diarios", concreta Rosa Quintana, conselleira do mar en funcións.

En total, son 5,2 millóns de euros aos que poderán optar aqueles traballadores que non cobraran por cesamento de actividade.

Noticias web

19/08/2020