CRTVG

Buscar

A policía rexistra as sedes de Alu Ibérica na Coruña e Avilés

Publicado o 04/03/2021 15:02

Axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional desprazáronse este xoves ás oficinas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés para relizar un rexistro das oficinas.

Ata as plantas, anteriormente propiedade de Alcoa, trasladáronse sobre as 9:00 horas varios furgóns policiais. Segundo informa a Policía Nacional, ademais de na Coruña e Avilés, estanse realizando rexistros en Madrid, Castelló e Málaga. En total hai autorizados 11 rexistros de persoas físicas e xurídicas. No operativo participan máis dun cento de axentes.

A operación está relacionada coa denuncia presentada pola Confederación de Cadros e Profesionais de Alu Ibérica contra Alcoa e outras dezaoito persoas físicas e xurídicas por supostas irregularidades na venda das plantas da compañía en Avilés e A Coruña que poderían ser constitutivas de alzamento de bens e estafa, e que o pasado mes de decembro foi admitida pola Audiencia Nacional.

"Máxima colaboración"

O presidente do Comité de Empresa da planta da Coruña pedíulle a todo o persoal a "máxima colaboración" coa UDEF para "que se aclare a verdade". En declaracións á prensa diante da fábrica, Juan Carlos López Corbacho, despedido por causas disciplinarias, fixo referencia a supostos “delictos de estafa”.

Ademais, pediulles amparo ás administracións central e autonómica e a confección dunha folla de ruta para atopar unha solución industrial, sen contar coas empresas implicadas neste “engano tremendo”, dixo.

En 2019, Alcoa vendeu ao fondo de investimento suízo Parter Capital as plantas que tiña en Avilés e na Coruña, despois dun longo proceso que arrincou a finais de 2018 cando a multinacional estadounidense anunciou a súa intención de pechar as dúas fábricas.

A compañía xustificou entón a súa decisión nos altos custos da electricidade en España, a necesidade de facer grandes investimentos e a difícil conxuntura nos mercados de aluminio.

Con todo, Parter Capital non tardou en desprenderse das dúas plantas de Alcoa, que foron adquiridas polo Grupo Industrial Risco xa baixo a denominación de Alu Ibérica, sen informar previamente o Ministerio de Industria nin aos gobernos autonómicos e a representación do persoal, que acusan ao novo propietario de carecer dun proxecto industrial solvente.

Segundo a CCP, que cifra en 688 o número de traballadores empregados nos centros da Coruña e Avilés, Alcoa enganaría aos sindicatos no marco da negociación do despedimento colectivo, iniciado a finais de 2018.

O escrito da querela relata o proceso de venda e conclúe que "os querelados levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o plan de negocios, nin o do pago dos salarios, nin o do investimento, co que se frustra o obxectivo final da negociación, a  salvagarda dos postos de traballo".

A titular do Xulgado Central de Instrución número 3, María Tardón, explicaba nun auto datado o pasado 12 de febreiro, polo que rexeitaba o recurso de apelación dun querelado, que nun "momento procesalmente" non é posible afirmar se houbo ou non feito delituoso, e que o que trata a instrución é precisamente "comprobar se se pode excluír definitivamente a súa existencia".

Polo momento, a empresa non se pronunciou sobre a operación.