CRTVG

Buscar

O temporal deixa preto de 400 incidencias en Galicia

Publicado o 16/01/2020 21:53

• A maioría teñen que ver coa caída de árbores e pólas, con balsas nas estradas e con inundacións en vivendas e garaxes

• Corrubedo, en Ribeira, quedou totalmente illada pola auga

• Activado o plan especial polo risco de rebordmentos de ríos

O temporal deixa 400 incidencias en toda Galicia. A maioría provocadas pola acumulación de auga. Producíronse inundacións en numerosas localidades, sobre todo da faixa Atlántica. As balsas de auga causaron accidentes e cortes de estradas. A esta hora xa se levantaron os avisos por vento, pero ata as doce da noite continúa activo o aviso amarelo por fortes precipitacións nas provincias de Pontevedra e da Coruña. Tamén segue activo o aviso amarelo no mar ata mañá.

 

 

A Barbanza, a comarca máis afectada

Con forza baixaba a auga desde o monte sobre a estrada que une Noia con Boiro. Os operarios de mantemento de estradas non daban feito a limpar a calzada de auga, pedras e maleza.

A Garda Civil tivo que facer cortes puntuais á altura da parroquia de Tállara polo risco para a circulación.


E é que as intensas precipitacións provocaron asolagamentos en varias localidades da Barbanza como en Boiro , A Pobra e Porto do Son . Pero Ribeira levou a peor parte. Intentar chegar a Corrubedo xa se convertía nunha odisea desde Artes.

Corrubedo quedou practicamente illada. Nalgúns lugares a auga acadou o metro de altura. Entrou en casas, comercios, sotos e garaxes. Os veciños non lembran unha situación semellante.

Desde mediodia ata as seis da tarde o 112 rexistrou 218 incidencias na provincia da Coruña, a maioría por inundacións e acumulación de auga nas estradas que dificultaron a circulación. Ademais de na Barbanza os lugares máis afectados foron Santiago e Ferrol. As redes sociais enchéronse de imaxes como esta, gravada no corredor entre Brion e Noia. Ou esta outra de Perillo.

Na Mariña rexistráronse ventos de máis de 130 km/h

Con ventos do sur de forza 7 no litoral, os barcos de baixura permaneceron amarrados nos portos mariñaos. En terra, o vento tamén soprou con intensidade, polo que se rexistraron caídas de colectores e mais de árbores e pólas nas vías de circulación.

Bárbara Ramos, protección Civil de Foz:  "Son árbores caídas en estradas secundarias, a maior parte das veces, e os colectores teñen vida propia en días de aire coma este. Houbo algún refacho considerable, pero bastante ben se portou desta volta, con Foz polo menos."

No interior da Mariña foi onde soprou con maior intensidade o vento. Se en Viveiro os refachos superaron os 120 quilómetros por hora, na Pontenova mesmo superaron os 130. Debido á forza do aire, no tramo do Fiouco da autovía A-8 estivo prohibida a circulación de camións ata primeira hora da tarde.

Carlos Folgueira, hostaleiro: "É verdade que estivo toda a mañá cortada, polo aire, para os camións, polo que pararon máis camioneiros nesta área de servizo."

Tamén por precaución, os parques urbanos de Lugo permaneceron pechados ao público durante boa parte da xornada. No conxunto da provincia, rexistráronse máis dunha trintena de incidencias relacionadas co temporal.

A provincia de Lugo rexistrou refachos de máis de 130 km/h

Toda a provincia de Lugo estivo en alerta durante esta xornada, tanto no interior coma na costa. Os refachos máis fortes de vento rexistráronse na Mariña, onde mesmo superaron os 130 quilómetros por hora. De feito, ata primeira hora da tarde estivo prohibida a circulación de camións no alto do Fiouco, na autovía A-8. Ademais, a frota de baixura permaneceu amarrada nos portos mariñaos. A caída de colectores do lixo e de árbores en pistas secundarias foron algunhas das incidencias que deixou o temporal.

Un refacho de 138 Km/h en Valdeorras

O refacho máximo foi na Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, onde o vento adoita soprar con forza, pero hoxe fíxoo con especial intensidade, ata 138 quilómetros por hora. Tamén superou os cen quilómetros por hora na Baixa Limia, concretamente na Serra do Xurés. En cando á chuvia foi tamén nesta zona, na Baixa Limia, onde máis caeu, xunto co noroeste da provincia, onde se activou o aviso laranxa. Foron refachos de chuvia intensa, pero en canto ao total acumulado en ningún caso chegou aos 30 litros por metro cadrado. Como diciades, 13 incidencias rexistrou o 112 en Ouresnse, relacionadas coa caída de pólas ou bolsas de auga nas estradas.

Desviado un avión de Vigo a Santiago

Os fortes refachos de vento, que chegaron a acadar os 140 km/hora, complicaron as aterraxes no aeroporto de Vigo. Este mediodia o voo de Iberia, procedente de Madrid, tivo que ser desviado a Santiago. Este cambio afectou as persoas que esperaban en Peinador e que ían voar a Baraxas pouco despois nese mesmo avión. Os viaxeiros tiveron que ser transportados por estrada entre Vigo e Santiago.

Asolagamentos na provincia de Pontevedra.
 

Sobre todo asolagamentos por mor das precipitacións caídas, en especial, durante a intensa treboada desta tarde, e que provocaron o colapso deste tramo da rúa Areal de Vigo onde nos atopamos e onde tivo que intervir a Policía Local para axudarlles aos veciños a saír de portais e de garaxes. Desde Oia ata O Grove, as rúas anegadas foron a imaxe que se repetiu en todo o litoral pontevedrés.

Quince minutos de chuvia forte abondaron para converter este tramo da rúa Areal de Vigo nun río. As beirarrúas quedaron impracticables e axentes da Policía Local tiveron que acudir para rescatar veciños que non podían saír dos portais ou usuarios dos negocios da zona.

A pegada da auga é visible noutros puntos do centro da cidade e do municipio, onde se rexistraron asolagamentos de carácter puntual. Os rexistros de Meteogalicia contabilizan 23 litros recollidos por metro cadrado, pero polas consecuencias parecería que a treboada aínda foi máis intensa do que din os números. Desde O Grove e a bisbarra da Arousa ata o concello de Oia, repítese o mesmo panorama de calzadas completamente cubertas de auga. Foi unha tarde para gardar todas as precaucións ao volante. E non só pola auga, senón tamén, polo vento.

Ata os 90 km/h chegou a soprar no campus das Lagoas e 95 nas Cíes, aínda que o refacho máximo da provincia rexistrouse en Monte Xesteiras, Cuntis, cunha velocidade de 114km/h. Ese vento foi o que ameazou unha árbore en Fragoselo na parroquia de Coruxo que acabou caendo sobre o bombeiro que a podaba ás seis da mañá. O home tivo que ser hospitalizado por unha fractura de clavícula. A mestura de vento e auga que deixou un ronsel de incidencias nas últimas horas tamén levou por diante unha das casetas do mercado de Nadal da alameda viguesa que aínda non fora desmontado.

Atrapados nunha balsa de auga en Vilanova 

Na zona da Arousa houbo numerosas incidencias, como ocorreu aquí, na parroquia de Caleiro. Os vehículos tiveron numerosos problemas para circular por este treito da estrada que vai a Vilanova. Os veciños quéixanse de que se produciron ata accidentes, e non se arranxa. Hoxe volveu anegarse porque os sumidoiros non dan achicado todo o preciso. Un vehículo quedou atrapado.