CRTVG

Buscar

Aviso laranxa por mar de fondo en todo o litoral da Coruña, con ondas de seis metros

Publicado o 09/02/2020 20:57

A situación no mar non é doada. A costa coruñesa está en aviso laranxa por un temporal que deixa ondas de seis metros. Ademais, o vento sopra con intensidade e complica unha situación que o luns se estenderá a toda Galicia.

A imaxe do porto de Fisterra xa é un clásico deste inverno. Apenas hai movemento, e os barcos están amarrados, derrotados por temporais sucesivos que impiden saír ao mar. "Leva tres meses así e non para. Para os mariñeiros isto é un desastre", comenta a xente do mar.

O mar de fondo activou o aviso laranxa na costa coruñesa e está deixando ondas de seis metros. Nas Rías Baixas e na Mariña, o aviso por temporal é amarelo. No litoral da Coruña e de Lugo, o vento do suroeste sopra con forza sete. "Con mal tempo, os mariñeiros non van ao mar e non hai ganancias. Ese é o problema. Aquí non hai indemnizacións". "O mar está bastante malo, hai vento, hai ondas... hai de todo. Está facendo un inverno malísimo, con moita chuvia e moito vento. A ver se acaba dunha vez".

Os accesos ás praias da Coruña están pechados por precaución. Seguirán precintados durante a xornada de mañá. Nas próximas horas, remitirá o vento, pero o aviso laranxa por mar de fondo estenderase a toda a costa de Galicia.

Noticias web

09/02/2020