CRTVG

Buscar

Non cesan as festas ilegais en Santiago malia as novas restricións

Publicado o 23/10/2020 14:27

As duras restricións sanitarias en Santiago non frean as festas nos pisos, a pasada noite rematou con catro denuncias máis.

"Están denunciados e serán sancionados, en todo caso son menos que as dez do xoves pasado", manifestou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

A cidade leva dous dias con medidas estritas que levaron a moitos negocios de hostalería a baixar a reixa. So poden traballar a metade da súa capacidade e en terraza.

"Abrimos por manter a clientela"; "Están coa auga ao pescozo hai que axudarnos entre nós"; "Os bares pequenos tratan de sobrevivir isto é unha ruína", escoitamos na rúa.

Para aliviar a situación deste sector o concello aprobou por decreto liberar prazas de aparacamento para ampliar terrazas.

"Iso non nos soluciona nada, o tempo de Santiago, se fora en maio"; "Se tes espazo está ben porque como tes que reducir ao 50 por cento", din os hostaleiros.

A escalada de contaxios avanza e traspasa a capital galega e pon en alerta aos concellos limítrofes onde tamén repuntan os casos. Situación que xa se vivia en Milladoiro e agora en Teo.

"Estamos en alerta vermella, hai que andar con coidado"; "Chámanme para que llelo leve a casa que non queren sair", comentan os veciños.

Con preto de medio cento casos activos, o concello fai un chamamento para que se cumpran as normas.

"Requirir da cidadanía que invista a súa creatividade en non saltarse as normas, que poden ser imperfectas, senón en colaborar", apunta o alcalde de Teo, Rafael Sixto.

A área sanitaria de Santiago achegase hoxe ao milleiro de enfermos, cunha repunta importante de contaxios 131 máis.

Noticias web

23/10/2020