CRTVG

Buscar

Aumentan un 39% as infraccións por exceso de velocidade durante o estado de alarma

Publicado o 08/05/2020 20:17

Durante o estado de alarma medran os excesos de velocidade un 39%, e iso que o tráfico neste período caeu case o 70 por cento. O confinamento aínda así, deixa un dato positivo nas estradas, que é a redución dos accidentes mortais. Pero aumenta a cifra de mortos que non levaban o cinto de seguridade.

 Cae un 69% a circulación de vehículos

Desde que entrou en vigor o estado de alarma a cada pouco atopamos nas estradas estes carteis que recordan que só están permitidas as viaxes xustificadas e atopamos tamén moitos controis policiais para verificalo.
As estradas están semibaleiras, caeu o volume de tráfico case un 70 por cento, pero aumentaron e moito os excesos de velocidade.

 Aumentan un 39% os excesos de velocidade
A Dirección Xeral de Tráfico detectou que no estado de alarma a porcentaxe de condutores que circulaban con exceso de velocidade medrou un 39 por cento.

Redúcese a sinistralidade un 71%

O que si se reduciu foi a sinistralidade. Descendeu un 69 por cento. Entre o 15 de marzo e o 7 de maio faleceron en accidente de tráfico 49 persoas en toda España, nas mesmas datas de 2019 foron 159 os falecidos. A maioría dos sinistros mortais foron por saídas de vía, un tipo de accidente que se asocia á distracción e exceso de velocidade, dous factores que aparecen en situacións coma esta, de pouco tráfico nas estradas.

Aínda que descendeu a sinistralidade a DXT alerta de que case a metade dos falecidos que ían de acompañantes nos coches non levaban posto o cinto de seguridade.

Noticias web

08/05/2020