CRTVG

Buscar

Aumentan os avistamentos de cetáceos nas costas de Galicia

Publicado o 20/08/2020 10:21

É sabido que os encontros con estes animais teñen moito que ver co azar, de maneira que nunca se pode garantir o éxito da expedición de avistamento. Pero este verán semella que houbo moitos afortunados.

De calquera maneira, confírmase que a costa galega forma parte dun novo corredor migratorio na ruta cara ao sur da balea azul, unha especie da que só quedan catrocentos individuos no océano Atlántico e 25.000 no mundo.

Este verán víronse baleas azuis e tamén o grupo máis numeroso xamais documentado nas nosas augas de balea común alimentándose xunto a centos de golfiños e toniñas. E se iso pasaba nas Rías Baixas, hai poucos días avistáronse cachalotes na Mariña. Os investigadores apuntan a tres factores fundamentais para tanta abundancia. Un deles, moi evidente, é que todos temos teléfono móbil e resulta moi doado comunicar os avistamentos case en tempo real.

A volta dos grandes cetáceos vincúlase ademais ao quecemento das augas e principalmente ao tempo transcorrido desde que deixaron de cazarse baleas en Galicia. As últimas matáronse en Marín e Corcubión en 1985.

Noticias web

20/08/2020