CRTVG

Buscar

Aumentan ata 743 os falecidos en España nas últimas 24 horas, tras catro días de baixada

Publicado o 07/04/2020 20:56

• O número total de vítimas do coronavirus en España é de 13.798 

• Aumenta un 4% o número de contaxios respecto a onte e elévanse a 140.510

 

Con estas novas 743 vítimas mortais nas últimas 24 horas, que racha a caída que se viña producindo nos últimos catro días, o número de falecidos en España desde que comezou a pandemia do coronavirus elévase a 13.798, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Santidade. Sanidade aclara que o martes sempre hai unha repunta artificial porque os luns acumúlanse as notificacións que non se fixeran na fin de semana.

Os últimos datos de Sanidade tamén informan de que o número de persoas que neste momento están ingresadas na UCI é de 7.069, e que máis de 60.000 están hospitalizadas. Canto ao número total de persoas que deron positivo en coronavirus en España, son, oficialmente, 140.510, o que significa un 4% de contaxios. Hai que lembrar que hai tres semanas a porcentaxe de contaxios estaba no 14%.

O dato positivo é que 43.208 persoas xa están curadas.

As comunidades autónomas máis afectadas seguen sendo Madrid, con 40.469 positivos en COVID-19. Nesta comunidade teñen neste momento 1.494 persoas na UCI, 16 menos ca onte; Cataluña ten 28.323 contaxiadas, 2.391 na UCI, 11 persoas máis ca onte. E xa afastadas as comunidades de Castela-A Mancha, con 11.077 persoas contaxiadas, e Castela e León, con 9.581.

A comunidade menos afectada segue sendo Murcia, con 1.283 contaxios. E moi afastadas en positivos, as cidades autónomas de Melilla, con 92 casos, e Ceuta, con 83.

Sanidade di que o aumento de falecidos e contaxiados era algo agardado, polo atraso de notificacións da fin de semana. Agarda que nos próximos días se confirme o cambio de tendencia e mentres, traballa xa na seguinte fase.

A fase para levantar o confinamento está aínda en estudo e será progresiva. Relaxar medidas obrigará a intensificar a vixilancia e a detección precoz para garantir que o virus non volva circular como antes. E os expertos advirten: non vai ser doado porque é a primeira vez que nos enfrontamos a unha pandemia así.

Na detección precoz axudarán os tests anticorpos que acaba de repartir o Goberno ás comunidades autónomas. Sanidade insiste en que a proba máis fiable para confirmar se alguén está enfermo, sobre todo nos primeros días, segue sendo a PCR. Os tets servirán de apoio diagnóstico