CRTVG

Buscar

Aumenta a venda nos supermercados de pratos listos para comer

Publicado o 03/03/2020 15:10

Cada vez incluímos máis produtos precociñados na cesta da compra. Segundo a análise dos datos das vendas en alimentación en España, no 2019 aumentou un 2% a demanda de pratos conxelados ou refrixerados listos para comer.

Caldo caseiro, en lata, tortilla de patacas, paella ou polo asado, refrixerados... Cada vez é maior a oferta do que podemos comer sen ter que cociñar. A análise das cifras de vendas do ano pasado en hipermercados, supermercados e tendas de alimentación de toda España evidencia esta tendencia, aínda que en Galicia parece que mantemos certa resistencia a optar polos precociñados.

A análise das vendas de 2019 da consultora Nielsen non desglosa datos por comunidades autónomas, pero unha enquisa de tendencias de consumo da Unión de Consumidores de Galicia publicada o ano pasado confirma esta preferencia dos galegos por evitar os pratos preparados.

Está por ver ata que punto se mantén esta fidelidade a cociñar na casa, porque é evidente que a variedade de listos para comer segue medrando en todo tipo de formatos e cada vez a oferta enche máis espazo tamén nos mercados galegos.


 

Noticias web

03/03/2020