CRTVG

Buscar

Atracan, pistola en man, un bar da Merca

Publicado o 19/02/2020 13:24

A Garda Civil busca o autor dun atraco, pistola en man, nun bar do concello ourensán da Merca. O ladrón, que levaba a cara tapada, apuntou a dona do local cunha arma e obrigouna a coller os cartos da caixa rexistradora. Despois, fíxoa entrar no baño e fuxiu nun coche conducido por outra persoa.

O atracador agardou o momento en que non houbera ningún cliente no bar para entrar. Eran as nove e cuarto da mañá, e ao pé mesmo da nacional 540, entre os lugares de Parderrubias e A Manchica, no concello da Merca. Unha estrada moi concorrida a esas horas do día.

Christian Nieto, empregado do bar: "Xusto estaba soa nese momento. Aproveitarían o momento en que estaba soa, seguramente estiveron vixiando antes para cometer o roubo".

Entrou coa cara tapada e a pistola na man e foi directo cara a dona do local.

Christian Nieto, empregado do bar: "Colleuna do brazo e levouna ata a caixa. Díxolle que a abrise, colleu os cartos e volveuna coller do brazo para levala ata o baño. Díxolle: 'Queda aquí', e xa arrincou".

Marchou cuns 400 euros que había na caixa. A dona do local saíu pouco despois e aínda alcanzou a ver o coche fuxindo, en dirección a Celanova. Conducía unha segunda persoa, que quedara agardando fóra do bar.

Christian Nieto, empregado do bar: "Polo menos quedou en nada. Estamos todos ben... O único, vívese con medo de que poidan volve a calquera hora... Pero vaia".

Como o atracador levaba a cara tapada, poucos datos puido achegar a vítima sobre a súa identidade. Dirixiuse a ela en castelán e con acento, asegura, da zona do Levante.

Christian Nieto, empregado do bar: "O único detalle que tivo é que falaba castelán. Tiña acento como da zona de Levante, que era forte, entre un metro setenta, un metro setenta e cinco".

Ao lugar desprazáronse varios axentes da Garda Civil para tomar pegadas e iniciar a investigación.

 

Noticias web

19/02/2020