CRTVG

Buscar

Atopan un corpo no Tambre que se cre que é o home que desapareceu en Sigüeiro

Publicado o 17/12/2019 21:05

Foron uns veciños que camiñaban á beira do Tambre, na zona onde conflúe co río Lengüelle, os que alertaron o 112 de que un corpo estaba flotando no medio do río. O cadáver estaba enganchado nunha árbore debaixo da ponte do AVE no concello de Oroso.

No operativo de rescate traballaron os mergulladores dos GEAS da Garda Civil, así como tamén Protección Civil e Policía Local de Oroso e de Santiago, e os bombeiros de Ordes.

O corpo foi atopado catro quilómetros abaixo da área de lecer do Refuxio, no mesmo concello de Oroso. Lugar onde a semana pasada caera ao río un home de 78 anos, suceso que puxo en marcha un amplo dispositivo de busca en que participaron tamén os GEAS da Garda Civil.

Unha vez sexa identificado o corpo e realizada a autopsia poderase confirmar a identidade do home e os motivos do seu falecemento.

 

Noticias web

17/12/2019