CRTVG

Buscar

Atopan un cadáver no río Miño, onde desaparecera un mozo portugués hai dúas semanas

Publicado o 14/04/2020 18:47
Atopan un cadáver no río Miño, onde desaparecera un mozo portugués hai dúas semanas

Os servizos de emerxencia de Portugal despregados no río Miño atoparon este martes na localidade de Melgaço un cadáver na zona onde hai dúas semanas desapareceu un mozo de nacionalidade lusa, informaron fontes do 112 Galicia.

O achado produciuse ás 12.30 horas na marxe portuguesa do río, fronte a Arbo, momento a partir do cal se desactivou o protocolo de cooperación transfronteiriza entre Galicia, Castela e León e norte de Portugal, chamado ARIEM 112.

A desaparición daquel mozo produciuse o pasado 31 de marzo, cando un dos seus acompañantes solicitou axuda aos servizos de emerxencia e indicou que desaparecera na zona de Remoaes, en  Melgaço.

Os axentes da Garda Nacional Republicana barallaron desde un principio a hipótese de que o mozo escorregou e caeu á auga. Durante un tempo, as persoas que estaban con el vírono flotar, ata que a corrente do río o arrastrou e perdéronlle o rastro.

A partir de entón organizouse un dispositivo de procura en que interviñeron efectivos españois e portugueses. Pola parte española participaron Garda Civil, o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Comandancia Naval de Tui.