CRTVG

Buscar

Ataques de lobos no concello de Guitiriz

Publicado o 18/02/2019 13:38

Apenas quedan restos dos dous últimos xatos que os lobos devoraron neste prado dos Vilares, no concello de Guitiriz, e que se suman a unha terceira perda que se produciu hai uns días preto de aquí, xunto ás cortes dos animais. O seu propietario está desesperado dado que sinala que os ataques dos lobos son constantes. El cría estas vacas de carne en extensivo, pero agora viuse obrigado a recoller parte do gando por medo a que os lobos volvan polos xatos acabados de nacer.

Sinala que os xatos á hora de saír ao mercado terían un valor de entre 1.000 e 1.400 euros, o que supón unha gran perda para eles, pero que moitos afectados nin sequera dan parte dos danos porque lles supón un montón de papelame para recibir a longo prazo axudas irrisorias.

Din que na zona hai moitos lobos e que mesmo se ven de día e moi preto das casas, polo que reclaman medidas como a autorización de batidas que permitan controlar a poboación destes animais que tantos danos lles provocan aos gandeiros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2019