CRTVG

Buscar

AstraZeneca comunícalle a Bruxelas que haberá un atraso nas entregas das vacinas

Publicado o 22/01/2021 23:01
AstraZeneca comunícalle a Bruxelas que haberá un atraso nas entregas das vacinas


A empresa farmacéutica AstraZeneca informou este venres a Comisión Europea de que, tras a aprobación da súa vacina contra o coronavirus por parte da Axencia Europea do Medicamento (EMA), que se espera a finais de mes, non poderá entregar inicialmente a cantidade de doses prevista.

Segundo indicou este venres a comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, en Twitter, "durante o Comité Directivo de hoxe cos Estados membros sobre a estratexia de vacinación da UE, os representantes de AstraZeneca anunciaron atrasos na entrega de vacinas respecto á previsión do primeiro trimestre deste ano".

A Comisión Europea e os estados membros expresaron "a súa profunda insatisfacción", segundo a comisaria, que non precisou de que cantidades se trata. Espérase que a vacina de AstraZeneca e a Universidade de Oxford reciba a autorización da EMA para a súa comercialización na Unión Europa a finais de xaneiro. Sería entón a terceira vacina contra a covid-19 autorizada na UE, tras as de BioNTech- Pfizer e Moderna.

A UE encargou por adiantado 300 millóns de doses desta vacina, con opción a outros 100 millóns de doses. Os vinte e sete insistiron hoxe aos representantes de AstraZeneca "nun calendario de entrega preciso", en base ao cal deberían planificar os seus programas de vacinación, unha vez que a EMA e Bruxelas lles concedan unha autorización de comercialización, engadiu a comisaria.

Kyriakides asegurou que o executivo comunitario "seguirá insistindo con AstraZeneca nas medidas para aumentar a previsibilidade e estabilidade das entregas, e a aceleración da distribución de doses". A vacina de AstraZeneca e Oxford ten a vantaxe de ser máis barata de producir que as outras dúas xa aprobadas na UE. Tamén é máis fácil de almacenar e transportar, especialmente en comparación con Pfizer-BioNTech, xa que debe almacenarse a temperaturas moi baixas (-70° C).

No cumio que celebraron onte por videoconferencia os xefes de Estado e de Goberno da UE fixeron un chamamento a acelerar o proceso de vacinación, ante as críticas de varios países por mor da lentitude na distribución da vacina de Pfizer-BioNTech. A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, presentou no cumio a súa proposta de ter vacinado no verán o 70 % da poboación adulta e en marzo o 80 % dos profesionais sanitarios e as persoas de máis de 80 anos.

Austria, Dinamarca, Grecia e a República Checa enviaron unha carta conxunta ao presidente do Consello, Charles Michel, antes da reunión, pedíndolle que "envíe un sinal" á Axencia Europea do Medicamento para que autorice canto antes a comercialización das vacinas que está a analizar.

O único país que se desmarcou da estratexia de compra conxunta da UE foi Hungría, que mercou dous millóns de doses da vacina rusa Sputnik V, a pesar de que o fármaco aínda non está autorizado pola EMA, informou a televisión pública M1. A Axencia Europea de Medicamentos autoriza o uso de fármacos na UE, aínda que en casos excepcionais os países poden aprobar certas substancias no seu territorio. 

 

Noticias web

22/01/2021